Monday 06 de May de 2024

Camariñas, Concello colaborador do proxecto medioambiental ‘Diversiplás, + diverso – plástico’, de Íntegro


· A iniciativa parte da Asociación Íntegro, que fixo entrega á administración local dun colector para plásticos.

· O contedor, que estará na casa do concello, é de cor branca e conta cunha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que podemos depositar e como facelo.

O Concello de Camariñas súmase, como entidade colaboradora, ao proxecto medioambiental ‘Diversiplás, + diverso – plástico’ levado a cabo pola Asociación Íntegro, avanzando desde a inclusión para unha Costa da Morte máis sostible.

Así, o municipio conta cun novo colector, de cor branca para diferencialo do resto, e no que hai unha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que podemos depositar e como facelo. Quedará instalado na casa do concello.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e outros membros do goberno local, recibiron ao presidente da Asociación Íntegro, Adolfo López, que fixo entrega á administración local do colector de cor branca que forma parte do proxecto Diversiplás.

Diversiplás é un proxecto xurdido ao abeiro da iniciativa Tanza, que está coordinado pola asociación Íntegro e conta co apoio do GALP Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

A alcaldesa, Sandra Insua, fixo un chamamento á cidadanía para que “use este contedor con responsabilidade e só depósito os residuos que se indican xa que, se non, o proceso para reconvertelos non será viable” e non se poderán obter produtos con novas utilidades como macetas, chaveiros, mosquetóns, pulseiras, fruteiros…